domingo, 13 de mayo de 2012

DIRECTO AO PÚBLICO (CRÍTICA DE XOSE MANUEL LENS CON MOTIVO DE LA EXPO EN METRO "O AMOR... NUN COCHE BOMBA")

O debuxo transita polo valioso camiño da incerteza. É un axuste intuitivo xunto a un tempo preciso, é primeira mirada e sentido lóxico que nace do propio corpo, case a modo de prolongación orgánica. Esa dinámica de control estrito e linguaxe pegada á experiencia palpita firme detrás desta disciplina, que concita toda a enerxía do proceso e preséntase, especialmente desde os anos noventa, como o piar esencial da creación contemporánea. Toda esa intención inevitablemente corporal, vivencial, móvese desde a referencia biográfica e contextual, e comporta os máximos expoñentes de esixencia, de responsabilidade. Ese modo de proceder, pegado á man, ao ritmo do proxecto pensado, ao exercicio coherente, é o que vén desenvolvendo Suso Basterrechea na súa xa prolífica traxectoria, afastado das modas e de amplo percorrido. Na presente mostra, que leva por título un expresivo O amor...nun coche bomba, o debuxo segue latexando como elemento significativo, vixente neses parámetros que se moven marcados no compositivo e, principalmente, na acción, que o afianzan, sen lugar a dúbidas, como un dos autores máis interesantes da actualidade. Os debuxos, repartidos polas salas da galería, son mapas e lugares, son chamadas de atención e contextos, son estímulos. Entrementres, o visitante concíliase coa fraxilidade e a impecable forza que desvelan as composicións proxectadas no plano público, colectivo, onde posiblemente mellor se recolle e completa a súa mensaxe. Son traballos que recuperan a enerxía dos panfletos, dos carteis, que emiten a súa proclama desde unha austeridade contundente pero tamén desde o representativo uso de cores, formas e tipografías encamiñadas a unha lectura pública. Deste xeito, cada debuxo ofrece imaxe e contido, pel e carne, resulta efectivo na súa sinxeleza, retendo a mirada dos visitantes que inmediatamente participan no seu exercicio. Suso Basterrechea non descoida o seu compromiso e compón obras que fan pensar, que gardan reflexións, preguntas sobre a actualidade social, política e cultural, sobre o incerto momento que vivimos. Levan o contido adherido á pel, case a modo de carne, ou sendo carne mesma. De aí que os elementos con referencias cotiás ocupen os papeis de diferentes formatos, claramente simbólicos - árbores, coches ou tendas de campaña - , chegando despois a cor, que interactúa abertamente aplicada en manchas, incluso deixando pingar e estirar as gotas, completando as composicións con palabras ou frases esquemáticas, ocupando os espazos do campo pictórico. Sentenzas, manchas e elementos que recoñocen e resumen, ao mesmo tempo, a enérxica poética deste autor, con obras de ritmos e desenvolvementos diversificados nos que imos descubrindo e conformando o seu repertorio de estímulos, vén na súa presentación coral unificados na lóxica narrativa como as viñetas dun cómic, vén na contundencia da peza única. Sen dúbida, puntos e seguidos críticos, implicados cultural y socialmente, que arrincan do visitante un sorriso, unha dúbida, un instante de relexión, unha chamada de atención. Xosé Manuel Lens.

No hay comentarios:

Publicar un comentario